Sunday 19 de May de 2024

O pleno de Lousame aproba destinar 342.000 euros a obras e 268.000 euros a gasto corrente do Plan Único da Deputación


A alcaldesa dixo que “a día de hoxe, Lousame recibe 107.438 € menos” e que “se en 6 meses se fai o Plan Complementario, nos felicitaremos como lousamianos por ter máis recursos para o noso concello”

24O pleno municipal de Lousame aprobou en sesión extraordinaria e urxente, o destino dos 611.019,48 euros do Plan Único da Deputación da Coruña. Lousame destinará 342.000 euros a obras, 268.000 euros a gasto corrente, 14.636,34 euros a abonar facturas pendentes e 12.774 euros a reducir débeda bancaria. Un plan que foi aprobado cos seis votos a favor do Grupo de Goberno e as cinco abstencións de PSOE, BNG e Terra de Lousame.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que o Concello de Lousame destinará os 268.353,15 euros da Achega 2017 a gasto corrente, no que se inclúen gastos como o consumo eléctrico e reparacións e mantemento de estradas e redes de abastecemento e saneamento. “Para os Concellos esta achega é moi boa porque é un anticipo de liquidez”, salientou Villaverde Pais.

Por outra banda, os 177.525,93 euros destinados ao Plan de Aforro e Investimentos (PAI 2017) serán investidos en redución de débeda bancaria (12.774 euros) e no arranxo do camiño dende o cruce da planta de compostaxe da Mancomunidade ata Servia (164.751,93 euros). Teresa Villaverde destacou especialmente esta obra xa que “cando convidei aos grupos municipais a facer suxerencias para estes plans xa dixen que só había unha obra inamovible, que era a do arranxo desta estrada que está moi deteriorada. Sei que algún preguntará por que non reparamos o interior de Servia e a razón é que se vai instalar o saneamento nesta zona e habería que volver a abrir a estrada”.

En terceiro lugar, dos 165.140,4 euros da Achega 2016, un total de 14.636,34 euros destinaranse a pagar facturas de Fenosa e Gas Natural, mentres que os restantes 150.504,06 investiranse en dous proxectos con catro obras de reparación de estradas. O primeiro proxecto inclúe o arranxo con aglomerado do camiño entre o cruce de Ces e a subida a Fruíme e o camiño de Crons á Igrexa de Camboño, orzamentados en 103.673,19 euros. O segundo proxecto destinará 46.830,87 euros á mellora en rego asfáltico dos accesos a Pousada e a Berrimes, onde tamén se ensancharán as estradas.

Finalmente, o pleno municipal aprobou o Plan Complementario, orzamentado en 215.715,6 euros para dous proxectos. O primeiro, cunha dotación de 123.422 euros, contempla o arranxo do camiño entre Croído e Seoane e a mellora dos accesos a Figueroa. O segundo proxecto suporá o arranxo en formigón do vial principal de Carantoña e a segunda fase do acondicionamento do interior de Arxellas.

Debate

Todos os grupos municipais estiveron de acordo coa selección de obras do Plan Único, a discordancia chegou cando a alcaldesa explicou que no ano 2016 o Concello de Lousame recibira 649.774,94 euros da Deputación (POS 2016, PAS 2016 e PAI 2016). Se este ano a achega provincial é de 611.019,48 euros, o Concello de Lousame recibiría 38.755,46 euros menos co Plan Único. Unha cantidade á que habería que sumar os 68.682,69 euros recibidos en materia de cultura, deportes, turismo e promoción económica durante 2016 e que este ano xa están englobados no Plan Único.

“A día de hoxe, e remarco o que estou dicindo, a día de hoxe o Concello de Lousame recibirá 107.438,15 euros menos da Deputación ca en 2016”, repetiu en varias ocasións Teresa Villaverde. “Pode haber remanentes e baixas no futuro, pero a día de hoxe temos 107.000 euros menos. Se en seis meses se fai o Plan Complementario, nos felicitaremos como lousamianos por ter máis recursos para o noso concello”, explicou a alcaldesa.

Pola súa banda o voceiro municipal do PSOE, Julio Paradela, acusou a alcaldesa de xogar cos números xa que “aquí está pendente o remanente, que actualmente non está pero que o vai a haber” e salientou que este primeiro Plan Único “nos parece obxectivo e imos recibir máis cartos que coa anterior Deputación”. Un punto no que coincidiu o voceiro municipal do BNG, Amador Turnes, quen asegurou que “os informes que temos din que imos recibir un 25% máis. Penso que o Plan Único pode ser beneficioso para Lousame”. A nova voceira municipal do Partido da Terra, Silvia Cao, xustificou a súa abstención en que non tiña suficiente información para opinar, xa que non puido asistir á comisión de seguemento e control desa mañá ao non ter tomado aínda posesión do seu cargo.

Villaverde Pais insistiu en que “todos os plans son beneficiosos. O único que estou dicindo é que a día de hoxe temos estes 107.000 euros menos porque, se asumiramos que os 215.000 euros do Plan Complementario van vir seguros, teriamos que incluílos nos orzamentos pero non o podemos facer. De todos modos, se no mes de xuño veñen eses cartos eu serei a primeira en alegrarme, como lousamiana, por ter máis recursos para o noso concello”.

Toma de posesión e modificación

Finalmente, a sesión serviu tamén para a toma de posesión como concelleira de Silvia Cao Tubío, tras a renuncia ao cargo de José Cao Rodríguez na sesión plenaria de xaneiro. “Por imperativo legal prometo cumprir fielmente o cargo de concelleira con lealdade a todos os veciños e veciñas de Lousame”, prometeu Cao Rodríguez. Todos os grupos municipais coincidiron en dar a benvida á nova concelleira e desexarlle o mellor no desempeño do seu labor.

Finalmente, o pleno aprobou a modificación de crédito 4.2017 para xerar crédito co que contratar as obras do PAI 2016, orzamentado en 152.000 euros e no que se inclúe o arranxo do camiño entre Seoane e Cerquides (concretamente o camiño entre a Igrexa ata a estrada Noia-Padrón), a mellora do camiño entre Silvarredonda e Froxán, así como os accesos a Fontefría. O acordo foi aprobado cos 11 votos a favor do Grupo de Goberno, PSOE e BNG e a abstención do Partido da Terra, que xustificou o seu voto en que, como recén chegada, non tiña a información suficiente para opinar sobre a cuestión.